Iván Andrade, Xefe de Proxectos de ENERGAL, participa hoxe como Delegado en Galicia de A3E (Asociación de Empresas de Eficiencia Energética) na xornada organizada polo OVG (Observatorio da Vivenda de Galicia), organismo vinculado ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), titulada “Xornada informativa en liña do Observatorio da Vivenda de Galicia: Os fondos europeos para a rehabilitación e eficiencia enerxética.”
Esta xornada, destinada a empresas, profesionais e entidades interesadas no sector da vivenda, ten como obxectivos trasladar a información dispoñible sobre os fondos que chegarán da Unión Europea con destino a actuacións de rehabilitación e eficiencia enerxética. Neste aspecto, Iván Andrade aportará a súa visión e a de A3E en canto á planificación e preparación da documentación técnica necesaria para levar a cabo proxectos de rehabilitación, máxime se son susceptibles de seren subvencionados e financiados polas liñas de axuda do IGVS presentes e futuras.